Un total de 230 atletas tomaron parte na proba absoluta da XXII Carreira Popular “Run for them” de Pontecesures, nas súas modalidade de 8k (162 atletas) e 4k (68 atletas). Unha proba que tivo lugar esta mañá de domingo polas rúas de Pontecesures, aproveitando que o tempo acompañou e no que o sol brillou en todo momento, xa que só empezou a chover coincidindo coa finalización da entrega de trofeos.
Unha proba deportiva solidaria con Cáritas e no que todo o recadado polas inscricións, dorsais solidarios e patrocinios da carreira (Finsa, Nestlé, Doselco Electricidad, Froiz, Gama Desarrollos Industriales, Stac, Lavanderías Caballo Blanco, Tele-Bar e Clínica Veterinaria Sanimalia) foi doado polo Concello de Pontecesures a proxectos de auxilio e protección a persoas que participan nos programas de emprego e comedores sociais de Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela. Así, ao rematar a entrega de premios, o alcalde de Pontecesures, Juan Manuel Vidal Seage, fixo entrega dun cheque por valor de 3.706,6 euros a Anuncio Mouriño, director de Cáritas Diocesana de Santiago, que tamén recolleron algunha achegas de alimentos non perecedoiros aportadas polo público presente na Plazuela.