Pontecesures acollerá na fin de semana do 25 e 26 de marzo a XXV Festa da Lamprea do Ulla, “coincidindo como é tradición coa celebración do San Lázaro”, apuntou esta mañá o alcalde de Pontecesures, Juan Manuel Vidal Seage, durante a presentación da programación deste ano. “Intentamos darlle un novo pulo á Festa da Lamprea do Ulla e ir máis aló: degustala na súa presentación máis tradicional, que é á bordelesa, e tamén abrir un abano de posibilidades para que a xente que aínda é reticente a degustar este peixe entre nesa dinámica”.
Por esa razón, o Concello de Pontecesures ten previsto organizar un menú degustación, que incluirá tres presentacións: á bordelesa, en empanada e en escabeche. “Tentaremos facer o máximo número de racións co ano pasado, calculamos unhas 500. Pero coas capturas que hai a día de hoxe sería inviable. Eu son optimista e creo que aínda queda un mes para reverter a situación e que a XXV edición da Festa da Lamprea estea á altura do seu prestixio”, apuntou o alcalde de Pontecesures.
Juan Manuel Vidal amosou a súa preocupación polo baixo número de capturas de lamprea non só no río Ulla, senón tamén en Arbo e no Miño. “Confeso que estamos nun compás de espera porque vemos que as capturas non están acompañando o que se prevía. Agardabamos que este sería un ano, polas condicións climatolóxicas e o caudal que trae o ría Ulla, pero a data de hoxe non está habendo un ritmo abultado de capturas. “Máis ben escasea en todas as zonas de captura de lamprea. Agardamos que esta situación se reverta máis pronto ca tarde e teñamos unha materia prima de calidade a tempo para levala a cabo.”, alcalde.
A XXXV Festa da Lamprea do Ulla terá lugar nunha carpa instalada a carón do peirao de Pontecesures, coa actriz Isabel Blanco como pregoeira. O Concello de Pontecesures agarda que o prezo sexa de 30 euros por menú e bebida, “pero ao mellor hai que reformulalo porque non é o mesmo que a lamprea estea a 25 euros que aos 60 de agora”, alertou Vidal Seage. Os tickets compraranse na propia carpa, onde todos os elementos que se empreguen serán reciclables.