- Este venres, ás 17:00 horas, será a inauguración deste evento que se celebrará ata o martes 12
Este venres arrinca a 30ª Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña. Ás 17:00 horas o pavillón Víctor Vigo acollerá a inauguración desde evento que se celebrará ata este martes e na que o encaixe compartirá protagonismo coa artesanía local e internacional, pero tamén coa música a cargo da orquestra París de Noia e dos grupos de gaitas Abrindo Rejo, Con todo en banda e Vaiche boa.
No acto de presentación intervirán a alcaldesa, Sandra Ínsua; o delegado do Goberno, José Miñones; e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso. Previamente á inauguración oficial tamén terá lugar un un pleno extraordinario da corporación camariñana para nomear a Xosé Luis Blanco Campaña como fillo predilecto.
Ás 18:30 horas celebrarase o desfile PequeEncaixe para posteriormente dar paso á presentación da pasarela de grandes firmas co modelo Damián Álvarez. A xornada pecharase co desfile de Grandes Deseñadores.
Desde a organización destacan a «relevancia de todo un triséximo aniversario polo que levamos traballando durante máis de dous anos e agardamos que a realidade supere ás expectativas, que de por sí son moi elevadas».
O aforo será limitado, polo que se deberá acceder ao recinto con entrada. O custo será de dous euros para o pase xeral, dous euros para cada desfile e tres euros para adquirir un pase de entrada xeral cun desfile. O uso de máscara sanitaria será obrigatorio.
Consulta aquí a programación completa.
