A zona azul de Carballo poderá utilizarse sen control horario do 21 ao 29 de xuño

Imaxe dunha zona azul

Durante a Semana Grande de Carballo, a Policía Local modificará as pautas de circulación habituais en nun total de 12 rúas para facilitar o tránsito peonil e o desenvolvemento das actividades lúdicas e relixiosas. Segundo explicou o concelleiro de Mobilidade e Seguridade, Juan Seoane, a rúa Estrela pecharase ao tráfico a partir das 23.00 horas entre os días 21 e 25, ámbolos dous incluídos. Os días 24 e 25, coincidindo coas principais procesións, non se poderá circular pola Praza de Galicia nin a rúa Martín Herrera. E durante as festas tamén se pechará ao tráfico rodado toda a contorna da Praza do Concello.

Todas as medidas propostas pola Policía Local teñen excepcións, xa que en todas as rúas pechadas ao tráfico permitirase o acceso de residentes e vehículos de emerxencias ou relacionados coa celebración das festas. As persoas usuarias de garaxes no edificio O Cedro (rúa Desiderio Varela) estarán autorizadas a entrar e saír cos vehículos pola Gran Vía, en tanto que nas rúas Santa Ana, Igrexa e San Xoán Bautista establécese como acceso de entrada e saída a rúa San Antonio.

Así mesmo, e como vén sendo habitual nos últimos anos, do 21 ao 29 de xuño quedará sen efecto o control horario da zona azul, o que significa que durante toda a Semana Grande non rexerán as limitacións de estacionamento.

Por outra banda, o alcalde, Evencio Ferrero, asinou este mércores un bando polo que se anula, do 21 ao 30 de xuño, a prohibición xeral de realizar grelladas na vía pública para facilitar o desenvolvemento da longa tradición das sardiñadas. Sen embargo, as persoas que desexen facer uso da dispensa deben comunicar á Policía Local, con 24 horas de antelación, o lugar no que se vai colocar a grela e terán que adoptar as medidas cautelares que dispoñan os axentes da autoridade. Así mesmo, o alcalde lembra que será preciso cumprir as normativas relativas a ruído, fumes, tránsito peonil, distancias de seguridade e limpeza de espazos públicos.