Abanca compra o banco portugués EuroBic


Abanca anunciou este luns o acordo de compra do 95% do capital do banco portugués EuroBic, unha adquisición que supón a quinta operación corporativa da entidade financeira desde 2014 e a segunda no país veciño. A operación, cuxo importe non foi comunicado, está condicionada a unha auditoría e xa se comunicou ao Banco de Portugal. Segundo datos achegados por Abanca, a decembro de 2019 EuroBic xestionaba un volume de negocio de 11.699 millóns de euros, cun volume de crédito de 5.198 millóns de euros, uns depósitos de 6.148 millóns de euros e unha taxa de morosidade do 6,4%. Este banco portugués conta con 1.482 empregados, 184 oficinas e 266.670 clientes. Actualmente Abanca ten en Portugal 71 puntos de venda, 500 colaboradores e máis de 80.000 clientes. Ademais desta operación corporativa de Abanca, desde 2014 sucedéronse a integración do Banco Etcheverría; a compra de Popular Servizos Financeiros (2017); a compra a Caixa Geral de Depósitos do seu banco en España, Banco Caixa Geral, ademais da adquisición do Deutsche Bank PCB (2018). O grupo Abanca ten case 800 oficinas repartidas por 11 países de Europa e América e máis de 6.000 traballadores.