Abanca elixiu a canadense Cooke Inc. para a venda de Nueva Pescanova, en detrimento da estadounidense Red Chambers e a galega Iberconsa. Nun comunicado da entidade bancaria remitido á prensa este xoves din que houbo entendemento con Cooke Inc. para negociar en exclusividade a compravenda do 80 % da súa participación en Nueva Pescanova, que manterá a súa marca e sede en Vigo.
Durante as próximas semanas, afirma Abanca, avanzará o proceso de negociación habitual neste tipo de transaccións, co obxectivo de alcanzar un acordo para a adquisición dunha maioría en Nueva Pescanova «por unha das principais compañías familiares de proteína mariña do mundo». A transacción defende unha valoración futura de Nueva Pescanova de 800 millóns de euros.
Da terna de candidatas, Iberconsa, en mans do fondo norteamericano Platinum Equity desde 2019, parecía levar a dianteira porque, entre outras cousas, garantía a continuidade de Nueva Pescanova en Galicia como desexaba Abanca.
Con todo, a entidade bancaria, titular dun 97,76 por cento do capital da multinacional pesqueira, explica que a sede de Nueva Pescanova continuará en Vigo e garante que continuará apoiando á compañía no desenvolvemento do seu proxecto empresarial coa súa presenza no accionariado e, á vez, como aliado bancario da multinacional.