O alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso Miramontes, propón Beche (Abegondo) para acoller a sexta edición da Primavera no Camiño Inglés. Unha proposta que Santiso Miramontes lle presentou ao presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás Franqueira, durante a homenaxe que recibiu durante a quinta edición desta iniciativa, que reuniu a máis de 3.000 persoas o pasado domingo en Sigüeiro (Oroso).
Tras facer un recoñecemento aos técnicos que traballan na organización da Primavera no Camiño Inglés, personalizado na xerente da Asociación, Cristina García, Santiso Miramontes indicou: “se non hai outra proposta, eu ofrezo Beche, a medio camiño entre Ferrol e Santiago para acoller en 2023 esta extraordinaria feira que é Primavera no Camiño. Trátase dun campamento turístico con cabanas e onde imos contar con piscina, restaurante, espazo multiaventura… que espero que estea rematado para acoller a sexta edición”, concluíu.
O presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés tomou nota do ofrecemento, que en todo caso deberá ser ratificado nunha asemblea xeral da entidade.