Abel Caballero aborda coa presidenta de ADIF a liña de alta velocidade por Cerdedo


O alcalde pediu á presidenta de ADIF, María Luisa Domínguez, a continuidade do estudio hidroxeolóxico da variante por Cerdedo para que a alta velocidade ferroviaria chegue a Vigo: “A alta velocidade non chega a Galicia, chega a unha parte que é Ourense, Santiago e A Coruña. En Vigo temos que dar unha volta ata Santiago. Por iso, quero recordarlle que a alta velocidade a Vigo está pendente e somos a primeira cidade do norte e noroeste de España xunto a Bilbao”. O rexedor puxo de manifesto que “a nova obra entre Pedralba e Ourense recortou unha hora a viaxe e que hai 3 trens directos con bos tempos, pero non é alta velocidade”.

Abel Caballero considera o avance de Vigo cara a redución dos tempos a Madrid “insubstituíble, primordial e que necesariamente vaise facer” e trasladaralle á necesidade de iniciar a declación de impacto medio ambiental para comezar co proxecto e a obra.

O alcalde lamentou que se freara co anterior goberno a posibilidade de ter liña directa de alta velocidade entre Vigo e Madrid: “A señora Pastor, con Rajoy de presidente e coa presión de Feijóo deixaron a nosa cidade sen AVE. Agora o goberno retomouno e Vigo terá vías AVE e tempo AVE coa variante por Cerdedo. O que quero é que o Goberno de España retome o que o Goberno de Rajoy non foi capaz de facer”, declarou en rolda de prensa.

Caballero tamén puxo sobre a mesa a saída sur ferroviaria cara a Portugal que asegura “vai intimamente conectada coa variante por Cerdedo”. O rexedor afirmou que “a saída sur ten que ser en túnel porque Vigo non contempla outra alternativa”. Segundo lembrou o alcalde, a conexión co norte de Portugal está no acordo asinado entre o presidente de España, Pedro Sánchez e o primeiro ministro de Portugal, António Costa, nos cumios de Guarda e Salamanca.