Abel Caballero mantivo un encontro con Isabel Pardo de Vera, secretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, quen garantiu o proxecto do AVE directo a Vigo por Cerdedo: “non máis dúbidas”.
Tras a reunión celebrada no Concello, o rexedor trasladou a súa “satisfacción absoluta” polo compromiso transmitido pola secretaria de Estado garantindo “a magnífica marcha do tren de alta velocidade de Vigo” así como a Saída Sur de Vigo.
Isabel Pardo de Vera reafirmou o “compromiso do Goberno con Vigo desde o punto de vista da solvencia técnica rigorosa” e lamentou que se estean vertendo dúbidas ao respecto “cando os galegos temos motivo de alegría e perspectiva dun futuro mellor coa chegada do AVE a Galicia”.
A viabilidade, lembrou a secretaria de Estado, “está confirmada porque o estudo hidroxeolóxico marca que a variante de Cerdedo é o mellor trazado e non ten que haber complicacións coas medidas compensatorias que se determinarán para a súa execución”.