Abel Caballero: “As bonificacións na AP-9 resolven un problema histórico da área metropolitana”


O alcalde de Vigo, Abel Caballero, mantivo unha xuntanza coa presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, as rexedoras de Redondela, O Porriño e Salceda de Caselas e o alcalde de Tui fronte á peaxe de Rande para valorar as bonificacións aprobadas na AP-9 polo Goberno de España.

“No ano 2000, Aznar ampliou a concesión ata 2048. O PP ten que pedir perdón a este territorio”, sinalou Caballero, que avanzou que tamén falará das autoestradas da Xunta de Galicia “que tamén unen unha parte do noso territorio”. O alcalde puxo de manifesto que o goberno autonómico pon 600.000 euros de bonificacións fronte aos 70 millóns do Goberno de España. “Isto é a diferenza. Non pode seguir así”, sentenciou.

Pola súa banda, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, subliñou que “é a mellor noticia da historia en mobilidade en Galicia e particularmente na provincia de Pontevedra”. Ademais, agradeceu ao goberno de Pedro Sánchez as rebaixas na AP-9 e criticou a inacción anos anteriores co goberno de Rajoy, coa ministra de Fomento, Ana Pastor e Feijóo ao fronte da Xunta de Galicia.