O alcalde de Vigo e presidente da FEMP, Abel Caballero, destacou este mércores “o acordo e a forma coincidente de entender a visión municipalista” coa ministra de Política Territorial, Isabel Rodríguez. Ao termo da reunión, Caballero afirmou que “comparte” coa ministra a necesidade de “trazar a reforma da Lei de Bases do Réxime Local, (…) de reformar o financiamento local á vez que a autonómica e de activar os acordos alcanzados na pasada CNAL”. “As Entidades locais queremos ir á beira do Goberno e a ministra compárteo”, asegurou Caballero.
Tras a reunión, o alcalde e presidente da FEMP explicou que un dos puntos principais do encontro foi a necesidade de actualizar a Lei de Bases do Réxime Local, “unha Lei que eu votei no ano 85, unha lei que debe adaptarse ao 2021”, asegurou. Sobre este aspecto, Caballero afirmou que a titular de Política Territorial comparte a necesidade de “trazar unha lei para estes tempos”. Para iso, iniciarase “ un traballo conxunto baseado na forma compartida de ver o municipalismo”, dixo. Ademais, Caballero celebrou que Isabel Rodríguez coincida na necesidade de “reformar o financiamento local á vez que o financiamento autonómico”.
A reunión terá a súa continuación na sede da FEMP, xunto á Xunta de Goberno da Federación, o próximo mes de setembro, onde se recibirá con “o afecto que se lle ten a unha alcaldesa e o respecto a unha ministra”, afirmou Abel Caballero.
