O alcalde demandou á Xunta de Galicia que amolde a normativa Covid á actual situación sanitaria, que en Vigo roza os rangos da chamada “nova normalidade”. Así, require regulamentos distintos no transporte urbano, na hostalería, no deporte non federado e tamén nos centros deportivos. Precisamente Caballero reuniuse este luns con responsables da Asociación de Empresas Xestoras de Instalacións Deportivas de Galicia. A este respecto, o alcalde manifestou que a entidade precisa dun protocolo específico “para darlle viabilidade económica, coas cautelas sanitarias” correspondentes.
“É imprescindible que a Xunta de Galicia empece a ver a ‘nova normalidade’ e deixe de fustrigar a sectores económicos como o transporte urbano, a hostalería, os xestores de instalacións deportivas ou o deporte federado, e que aplique a mesma regulamentación para todos”, asegurou Caballero, quen recordou que o goberno que dirixe vén de ampliar o horario de funcionamento das terrazas ata a 1 horas durante os días de celebración da feira Conxemar en Vigo.