Abel Caballero participou nos almorzos informativos de Nova Economía Fórum en Madrid, onde expuxo ante autoridades e empresas “o modelo de política total” que transformou Vigo.
O alcalde fixo referencia ao Nadal de Vigo, que prevé un impacto económico de ao redor de 750 millóns de euros. Caballero defendeu que o Concello aforrará un 15% de enerxía coa redución do horario do alumeado de unha hora. “ Isto significa ser unha gran potencia turística, nunha cidade que tiña 0 turismo nestas datas e agora sobrepasamos os 3 millóns de visitantes”, cifrou no encontro.
Caballero fixo fincapé nos cambios na cidade: “Aprendemos moito coa pandemia, pero algúns xa levamos traballando nos espazos peonís, semipeonís, cidades verdes e espazos para as persoas 13 anos. Algúns criticaban o que facíamos, dicían que facíamos beirarrúas polas que caben os coches. Pois ese é o noso modelo”. Ao mesmo tempo reivindicou o proxecto “Vigo Vertical”, con ramplas, ascensores e escaleiras mecánicas “que son un espazo amigable e unha forma de transporte distinta nunha cidade na montaña como é Vigo”.
“Vigo é un modelo de formación”, reivindicou o alcalde, que manifestou “querer ser unha cidade que fale español, galego e ingles”. Con isto, trasladou desde a tribuna aos asistentes que Vigo envían a centos de rapaces e rapazas a aprender inglés a Reino Unido e Irlanda becados polo Concello: “Cando cheguei á Alcaldía ían estudar inglés os fillos e fillas dos donos das fábricas. Agora vai todo o que o pida”. Subliñou a importancias das Escolas Municipais Infantís gratuítas de 0 a 3 anos, a potenciación da Universidade de Vigo e a chegada da UNED durante o seu mandato.