O primeiro edil vigués manifestou que Stellantis “ten razón” na súa reivindicación ao respecto do PERTE do automóbil aprobado polo Goberno de España e considerou “axeitada e consecuente” a súa proposta de “utilización de edificios a efectos de cómputo, nos apoios de I+D, nos tempos de apoio para as plantas de coches e para o modelo que están propoñendo”.
“É imprescindible que o PERTE contemple a Stellantis vigo con toda a súa inmensa capacidade de actuación”, trasladou, “porque diso dependen miles e miles de empregos, a riqueza dun territorio e a capacidade exportadora sen igual, porque é unha das grandes industrias exportadoras de España”, argumentou Abel Caballero, en referencia á fábrica viguesa.
Como na demanda para Vigo da sede de coordinación do Instituto Español de Oceanografía ou da rede de moi alta tensión para a factoría de Balaídos, o alcalde asegurou que “non vou arriar na defensa de Vigo” tampouco en cuestións competencia do Goberno de España e “seguirei defendendo a presencia de Stellantis no PERTE con todas súas demandas”, concluíu Caballero.