Aberta a convocatoria de axudas para promover a formación de profesionais na industria forestal


A convocatoria diríxese a agrupacións empresariais innovadoras, asociacións, organizacións, fundacións de interese galego e entidades sen ánimo de lucro, que teñan base asociativa e sexan representativas ou relacionadas coa cadea de valor da industria forestal; así como a colexios profesionais cando as actividades subvencionables se correspondan co seu obxecto e fins sociais, segundo o disposto nos seus estatutos.
O obxectivo é dotar aos profesionais do sector das competencias necesarias para adaptarse aos cambios tecnolóxicos desta industria, así como dar a coñecer ao sector e á sociedade a importancia da industria forestal na economía galega, especialmente no eido rural.
En concreto, apoiaranse actividades formativas non regradas nas que se acredite a asistencia mínima de 10 persoas, sempre e cando o 70% do alumnado teña unha asistencia mínima do 80% da duración; así como actividades divulgativas nas que se acredite a asistencia mínima de 20 persoas. As axudas comprenden os custos da formación, ata un máximo de 120.000 euros por asociación adxudicataria.

A Xunta, con esta liña, á que se destinan 500.000 euros, prevé beneficiar ao redor de 15 organizacións profesionais, realizar 136 actuacións e chegar a 1.550 profesionais do sector.