Aberta a convocatoria para financiar novas casas do maior na Galicia rural

Visita á casa do maior de Cenlle_Fonte: xunta.gal

  • Este martes comeza o prazo para solicitar unhas axudas nas que o Goberno galego investirá 1,3 millóns de euros

A conselleira de Política Social, Fabiola García, informou de que este martes 4 de febreiro abre o prazo para solicitar as axudas para a posta en marcha de 33 novas casas do maior, co fin de rematar a lexislatura con 60 destes pequenos centros de atención diúrna 100% gratuíta ás persoas maiores en funcionamento. Co gallo da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia (DOG), este luns a conselleira visitou dúas casas do maior: a de Cenlle, en compañía da delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, e a de Punxín.

Esta nova convocatoria de axudas, que suma un montante global de 1,3 millóns de euros, inclúe tres novidades importantes:

  • Poderán contar cunha casa do maior financiada integramente polo Goberno galego todos aqueles concellos que non conten cun centro de día.
  • Amplíase o perfil dos usuarios, polo que poderán asistir a estas casas persoas con algunha dependencia e tamén as autónomas.
  • A Xunta de Galicia financiará ás promotoras das casas do maior para que trasladen ás persoas maiores usuarias desde os seus domicilios, ida e volta.

Estes pequenos centros de día funcionan durante un máximo de oito horas diarias de luns a venres, e con flexibilidade horaria para adaptarse mellor as necesidades das persoas usuarias. Cada unha destas casas ofrece atención a un máximo de cinco maiores, sen custe algún para eles e con todas as garantías de seguridade e calidade.