Aberta a inscrición para quen desexe acompañar como paxes aos Reis Magos na Laracha

1 minutes read
  • Os Reis Magos volverán percorrer as trece parroquias do Concello na cabalgata de dous días que se vai realizar o 4 e o 5 de xaneiro.

Todos os nenos maiores de dez anos de idade que desexen acompañar como paxes a Melchor, Gaspar e Baltasar, xa poden anotarse ata as 12:00 horas do día 2 de xaneiro. Para iso deberán cubrir o formulario en liña a través da web municipal www.alaracha.gal, as redes sociais ou acudindo ao Concello.

No momento da preinscrición é preciso escoller unha das dúas quendas, ben a do día 4 (percorrido polas parroquias de Torás, Coiro, Soutullo, Golmar, Montemaior, Soandres e Erboedo) ou a do día 5 (Vilaño, Cabovilaño, Lemaio, Torás, Lendo, Caión e Lestón).

No caso de rexistrarse máis solicitudes que prazas dispoñibles, para outorgalas realizaríase un sorteo público o martes 2 de xaneiro ás 13:00 horas no Salón de Plenos do Concello.