As empresas construtoras poden presentar as súas propostas para as 42 obras en centros de ensino que a Xunta de Galicia ten en licitación por 38M€ no marco do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica. Todos os expedientes tramitáronse por anticipado de gasto e está aberto o prazo para a presentación de ofertas na plataforma Contratos de Galicia, onde as firmas interesadas poden consultar os pregos técnicos e administrativos para realizar a tramitación.
Entre as actuacións ás que poden concorrer as empresas inclúense nove ampliacións de centros, en concreto a da Escola de Educación Infantil EEI Concepción Crespo Rivas (Pontevedra, 750.000€), as dos colexios CPI As Mirandas (Ares, 3,1M€) e CEIP Mar de Fóra (Fisterra, 900.000€); as dos institutos IES Manuel Chamoso Lamas (O Carballiño, 2,4M€), IES Eduardo Blanco Amor (Ourense, 1M€), IES Plurilingüe Aquis Celenis (Caldas de Reis, 5,5M€), IES Pedro Floriani (Redondela, 1,9M€) e as dos centros integrados de FP CIFP de Vilamarín (820.000€) e CIFP Fontecarmoa (Vilagarcía de Arousa, 3,8M€).
Está previsto acometer tamén durante os próximos mes as rehabilitacións integrais dos colexios CEIP de Oza dos Ríos (Oza-Cesuras, 600.000€) e CEIP de Riotorto (530.000€) e dos institutos IES da Pobra do Caramiñal (2,1M€) e IES Lucus Augusti (Lugo, 3,4M€). Tamén se inclúen, por importe total de 604.000€, melloras na accesibilidade dos colexios CEIP Plurilingüe de Centieiras (Fene), CEIP Plurilingüe de Vite (Santiago de Compostela), CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro (Vigo) e no Instituto IES A Xunqueira II (Pontevedra). Así mesmo, están en licitación obras de instalación de sistemas de biomasa cun orzamento total de 1,3M€ nos institutos IES Monte Neme (Carballo), IES Pazo da Mercé (As Neves), IES Mendiño (Redondela) e IES Alexandre Bóveda (Vigo).