- O catálogo educativo conta con máis de 200 cursos para realizar en liña e con titorización persoal
Xa é posible matricularse nos cursos formativos para adultos a través da Aula Mentor, o programa de formación en liña non regulada, flexible e con titorización persoal promovido polo Ministerio de Educación e Formación Profesional e no que A Laracha participa por primeira vez.
Desde o Concello agárdase unha boa acollida desta iniciativa despois de que durante o último mes «se rexistrasen máis de catrocentas solicitudes de información sobre este programa tanto de xeito presencial nas xornadas de portas abertas como a través da propia web». Despois de proporcionar os datos requeridos o administrador da aula contactará con interesados para informalos sobre o procedemento. Tamén é posible informarse de maneira presencial ou a través do teléfono 669963094.
Aula Mentor conta cun extenso catálogo de máis de 200 cursos titorizados por profesionais da materia cos que ampliar competencias persoais e profesionais. As persoas que finalicen con éxito a formación recibirán o correspondente certificado oficial.
Os cursos son online e poderán realizarse a calquera hora, según as preferencias do alumno. Ademais, o Concello pon a disposición dos veciños da Laracha, de xeito gratuíto, unha aula con equipamento informático para poder levar a cabo as actividades. O local, situado no edificio administrativo, estará aberto aos usuarios luns a venres en horario de 11:30 a 13:30 horas.