A área de Igualdade da Deputación da Coruña, que xestiona a deputada María Muíño, vén de abrir a convocatoria para o VIII Concurso de guións contra a violencia de xénero. O obxecto deste certame é promover a elaboración dun guión, para a posterior realización dunha curta, que xere reflexión, conciencia, sensibilización e prevención da violencia vicaria como forma de control e dominación.
Este certame vai dirixido a alumnado con idades comprendidas entre os 12 e os 18 anos que presenten guións de forma individual ou en grupos de ata 6 persoas, supervisados e titorizados por persoal docente do centro de ensino público no que estean cursando estudos e que conten co apio da Dirección de dito centro.
Os guións poden presentarse ata o 30 de novembro e o premio ao guión gañador consistirá nun curso práctico de realización de curtas, durante o cal se producirá a curta baseada no guión e no que o alumnado participante poderá ser partícipe e protagonista en todo o proceso. Ademais, tamén se establece un premio en metálico de 4.000 euros para o centro educativo que titorice o guión gañador.