- Estes obradoiros pretenden impulsar a improvisación oral e promocionar o uso do galego
Os obradoiros Enreguéifate enmárcanse dentro do proxecto homónimo organizado nesta edición polo Concello de Santiago e os de Ames, Pontevedra, Rianxo e Teo, co que se procura impulsar a improvisación oral en verso e contribuír a través dela á promoción do uso da lingua galega. Estas sesións están dirixidas inicialmente a alumnos e alumnas de 5º e 6º de educación primaria e 1º e 2º da ESO. O prazo de solicitude remata o 17 de marzo.
A finalidade destas accións formativas é que o alumando aprenda métodos de improvisación oral de xéneros galegos como a regueifa para contribuír á súa revitalización en Galicia e, a través deles, ao uso da lingua na mocidade. Ademais, enfócanse cara á participación no certame Enreguéifate, no que se convoca unha categoría específica para o ámbito escolar.
Para garantir un desenvolvemento axeitado destas sesións, tomaranse como referencia os/as 25 participantes. Este número pode variar se é o caso de que o grupo-aula estea integrado por algunhas persoas máis. En ningún caso poderá superar o medio cento.
Para solicitar algún dos obradoiros dispoñibles cómpre enviar un correo electrónico ao Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago, dlg@santiagodecompostela.gal, e indicar nel: centro que o solicita; profesor ou profesora responsable do grupo (nome completo); materia que imparte; teléfono de contacto (preferiblemente do profesorado responsable do grupo); día e hora en que solicita o(s) obradoiro(s), dentro das propostas no calendario (e non é imprescindible que sexa nunha hora exacta hai que indicar, cando menos, a o tramo horario); número de alumnos/as que formarán o grupo e curso. Se un centro solicita máis dun obradoiro, deberá procurar que cada dous coincidan no mesmo día.
O prazo para solicitar os obradoiros remata o 17 de marzo. Posteriormente comunicarase o calendario definitivo a cada centro, que se elaborará tendo en conta as solicitudes de todos e o encadre dos horarios. En todo caso estará comprendido entre o 25 de marzo e o 30 de abril.