Aberta a zona de aparcamento na nova praza de Baio


O centro de Baio conta con 70 novas prazas de aparcamento gratuítas e situadas no centro da vila. O Concello de Zas decidiu abrir a zona de estacionamento da nova praza de Baio co fin de potenciar o comercio e hostalaría local en plena campaña de Nadal, así o fixo saber o Alcalde de Zas, Manuel Muíño. 

Accesos

A esta zona de aparcamento, que será totalmente gratuíta, poderase acceder desde dous puntos diferentes da rúa Bispo Romero Lema. Unha será dende a rúa Herbais da Ponte, que a partir de mañá pasa a ser de sentido único co fin de mellorar tanto o tráfico rodado como o peonil nesta zona. O outro acceso será dende a Casa Ovidio. Aquí habilitaranse dous carrís, un de entrada e outro de saída. 

Unha vez que as obras estén totalmente rematadas, o Concello de Zas inaugurará de forma oficial a nova praza de Baio; un espazo moi demandado pola veciñanza e no que se investiron un total de 314.988,72€.