- Despois do Nadal remataranse unhas obras complementarias na confluencia coa Avenida Fisterra
Os vehículos volveron a circular durante a mañá deste martes pola céntrica rúa Silverio Moreda Alvariño, na Laracha, despois das obras de mellora da seguridade viaria. A diferenza é que agora o tráfico só pode circular nun único sentido, con entrada pola Avenida Fisterra e saída pola de Caión, xunto á igrexa parroquial de Torás. «Isto permitiu conservar os espazos de aparcamento de vehículos a ambas marxes –agora debidamente sinalizados- e ampliar as beirarrúas para facilitar a accesibilidade e humanizar o ámbito de actuación», sinalaron desde o Concello.
Este proxecto require, por petición da Xunta de Galicia (titular da vía), dunha intervención complementaria na confluencia da rúa Silverio Moreda Alvariño coa Avenida Fisterra (tramo urbano da estrada AC-552). Co propósito de reforzar a seguridade, trasladarase o paso para peóns uns metros para crear no cruzamento un carril central de agarda para xirar á esquerda sen interromper o tráfico. Isto tamén implicará acometer actuacións de mellora da accesibilidade nos tramos de beirarrúa afectados. Neste caso, as obras comezarán despois das festas de Nadal.