Aberta unha investigación polo atraco de catro gasolineiras na zona de Santiago

Foto.- dpm.

Este sábado dous homes chegaron a bordo dunha motocicleta a esta estación de servizo da Picaraña, no concello de Padrón. Mentres un lle pedía a un empregado que lle botase dez euros de carburante, o acompañante entrou no edificio e cun coitelo na man pediulle todos os cartos ao traballador que estaba na oficina. Este díxolle que o único que levaba diñeiro enriba era o que estaba fóra.

Pouco despois deste intento frustrado de atraco, a escasos quilómetros, estoutra gasolineria da Ramallosa, en Teo, recibiu tamén a visita de dous motoristas. Só había un operario nese momento. Estaba colocando os xornais nas estanterías e ao dar a volta atopouse cun dos homes, que lle achegou un coitelo. O traballador entregoulle a carteira coa recadación, arredor de 300 euros.

Este venres sucedera algo parecido nesta estación de Lapido, en Ames. Eran as cinco menos vinte da tarde e no interior da gasolineira estaban dúas empregadas. Viron unha moto con dous homes dando voltas. Nun momento en que non había clientes, un dos motoristas entrou e ameazou unha das empregadas cun coitelo e marchou cos cartos que había na caixa rexistradora, algo máis de 600 euros.

O xoves pola tarde foi esta gasolineira da Escravitude, tamén en Padrón, a atracada. Neste caso chegou só un motorista que apuntou ao único operario que había cunha xeringa. Na gasolineira non concretaron cal fora o botín pero indicaron que a cantidade era importante. O compañeiro do atracado subliñaba que probablemente os atracadores sexan os mesmos en todos os casos.

A Garda Civil abriu unha investigación para dar coa identidade e o paradoiro dos atracadores.