O salón de actos centro social polivalente de Brión acolleu a presentación oficial da IX Andaina Terras de Altamira, organizada pola asociación O Esquío no Piñeiro en colaboración co Concello de Brión. Unha proba de 14, 26 ou 50 quilómetros que terá lugar o sábado 11 de maio e que ten abertas as inscricións en www.andainaterrasdealtamira.org ata o vindeiro 7 de maio.
Preto dun cento de persoas participaron na presentación oficial da carreira, que correu un ano máis a cargo de Diego Viaño, meteorólogo da TVG, e o actor e humorista Federico Pérez, que deron paso ás intervencións do alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín; o presidente da asociación O Esquío no Piñeiro, Marcos Delgado; o ex atleta olímpico español e representante da Federación Galega de Montañismo, Isidoro Hornillos; e o director deportivo da proba, José Manuel Trigo.