Abertas as inscricións para participar no I peKecrossfit Inclusivo impulsado polo CCA Carballo

O evento, en beneficio da asociación Un paso máis, celebrarase o domingo 4 de xaneiro en horario de mañá e tarde na carpa situada na Praza do Concello.

O circuíto, pensado especialmente para nenos e nenas menores de 12 anos, contará cunha ampla variedade de estacións adaptadas, con probas de equilibrio, obstáculos, forza, axilidade, saltos e outras actividades deseñadas para garantir unha experiencia segura, accesible, divertida e inclusiva.

Se o tempo o permite, a entidade beneficiaria tamén sumará ao programa varias propostas de sensibilización, como fútbol con balóns sonoros, retos adaptados para persoas con mobilidade reducida e xogos cooperativos, reforzando o carácter inclusivo da xornada.

A actividade desenvolverase en dobre horario, de 12:00 a 14:00 h e de 17:00 a 19:30 h, permitindo a participación de forma ordeada e escalonada ao longo de todo o día.

Inscricións abertas ata o 30 de decembro

A inscrición, dispoñible desde hoxe 15 e ata o 30 de decembro en carballo.gal, ten un prezo simbólico de 3 €/persoa, que se destinarán integramente aos programas de inclusión da entidade “Un paso máis”. As prazas, que son limitadas (200), iranse cubrindo por orde de inscrición.

O importe aboarase na propia carpa antes de comezar a proba, onde cada neno e nena recibirá ademais un peto conmemorativo desta primeira edición. E as 50 primeiras inscricións levarán, como agasallo adicional, unha entrada dobre para o cine.

Quendas de participación

Para garantir unha maior participación e evitar agardas, establécense quendas distribuídas ao longo da mañá e da tarde. Cada inicio de quenda contará cun espazo reservado de 15 minutos para participantes con necesidades de apoio e acompañamento, co obxectivo de ofrecer ritmos máis flexibles e unha adaptación axeitada ás súas necesidades.

Horarios de mañá:

  • 12.00–12.15 h (necesidades de apoio)
  • 12.15–13.00 h
  • 13.00–13.15 h (necesidades de apoio)
  • 13.15–14.00 h

Horarios de tarde:

  • 17.00–17.15 h (necesidades de apoio)
  • 17.15–18.15 h
  • 18.15–18.30 h (necesidades de apoio)
  • 18.30 a 19.30 h

Se tes peques na casa, inscríbeos xa e achégate con eles/as a participar nesta proposta que converterá a Praza do Concello nun pequeno escenario de deporte, superación e convivencia.

O I peKecrossfit Inclusivo é unha iniciativa impulsada polo CCA Carballo, patrocinada porVázquez y Reino, e que conta coa colaboración do Concello de Carballo e Gadis.

Related posts

Unha agrupación industrial do motor planea instalarse no polígono da Laracha, con 600 empregos

O PSdeG reclama o inicio dos trámites para adxudicar a construción do segundo tramo da autovía da Costa da Morte

Máis de 800 alumnos da Laracha desfrutaron do festival de teatro infantil en horario lectivo