Abertas as reservas para os eventos das festas do Apóstolo

Imaxe dunha noria_PIXABAY

  • Este proceso servirá para ter un control dos aforos

Dende este luns, as persoas que desexen ser partícipes dos diferentes eventos e actividades das Festas do Apóstolo en Santiago de Compostela xa poden reservar as súas entradas a través da web reservas.gal; un proceso que servirá para ter un control dos aforos, xa que as actividades son todas de balde.

A praza da Quintana e o parque de Galeras serán os dous escenarios principais nestas festas. Así, na Quintana daranse cita artistas como Nakany Kanté (venres 17), Aretha Soul Divas & The Silverbacks (sábado 18) ou Broken Peach.

Na mesma praza tamén haberá tres xornadas dedicadas á música e bailes tradicionais: o espectáculo “Do blues ao alalá” o luns 20, as Xornadas de Folclore Galego o Día do Apóstolo, e o TradFest que organiza La Voz de Galicia ao día seguinte, domingo 26. E tampouco faltará outro dos concertos máis esperados no Apóstolo, como é o da Real Filharmonía de Galicia, que desta vez se celebrará o día 30 e cun programa dedicado a Beethoven.

O outro espazo principal será o parque de Galeras, onde ademais de concertos, haberá espectáculos de humor e outros para toda a familia. Por alí pasarán artistas como A Banda de Nash, Mad Martin Trío, Lou Reyes & The Rockin Corsarios ou o espectáculo familiar Pirilampo.

Circo, cine e citas tradicionais
Na Alameda poderase desfrutar sobre todo de propostas para toda a familia, especialmente de circo. E no parque de Eugenio Granell haberá un ciclo de cine ao aire libre.