Abertas as solicitudes para o programa de residencias do Centro Xove de Creación Cultural

1 minutes read

A Xunta de Goberno Local aprobou o Programa de Residencias do Centro Xove de Creación Cultural, que depende da concellaría de Mocidade, que dirixe Rubén Prol. O obxectivo deste programa, que é a primeira vez que se leva a cabo, é ofertar un espazo para dar cabida a novos creadores no que poidan crear e dar forma a proxectos no ámbito das artes (teatro, danza, música, etc) a través dun sistema de residencias temporais nas que se acollan iniciativas de creadores mozos, de entre 14 e 35 anos de idade.

As residencias terán unha duración máxima dun mes. A partir de mañá, poderán presentar solicitudes para realizar unha residencia no Centro Xove de Creación Cultural, aqueles mozos e mozas empadroados, residentes ou estudantes no Concello de Santiago de Compostela, así como entidades ou colectivos mozos, que precisen dun espazo para realizar as súas creacións artísticas.

As solicitudes faranse en instancia formalizada a recoller no Departamento de Xuventude ou na sede electrónica do Concello, e presentarase no Rexistro Xeral do Concello de Santiago , na Rúa Presidente Salvador Allende, 4 ou a través da sede electrónica do concello ( sede.santiagodecompostela.gal ).

O horario destinado ás residencias é de 10:00 h a 14:00 h; cun mínimo de catro horas semanais e un máximo de vinte.

A Sala principal do Centro Xove de Creación cultural ten aproximadamente 200 metros cadrados. Trátase dun espazo multiusos coas seguintes características: un palco motorizado e caixa negra, un equipo de son e iluminación propios, sistema de climatización, e sala de control independiente. Conta cunha capacidade máxima de 250 persoas e acceso e servizos para persoas con mobilidade reducida.