Aberto ao público o renovado parque carballés da Ponte de Bértoa

1 minutes read

O alcalde, Evencio Ferrero, puido comprobar o resultado da actuación. que contou cun investimento de 150.000 euros. Non se tratou unicamente de renovar os xogos senón tamén de mellorar a accesibilidade e facilitar a inclusión mediante a introdución de elementos adaptados, ademais de crear espazos para o descanso, para o deporte e para o ocio de toda a familia.

Nesta actuación, en concreto, procedeuse á renovación total da zona de xogos, a primeira do concello na que se instala céspede artificial especial para uso infantil. Tamén se acometeu a reforma integral da pista polideportiva, de formigón pulido, apta para a práctica de fútbol sala, balonmán e baloncesto, e creouse unha nova zona de calistenia. Ademais, renováronse os cerramentos e colocáronse bancos novos.

Despois do Nadal iniciaranse as tres actuacións incluídas no proxecto Carballo para a infancia, que ten un orzamento de medio millón de euros. Grazas a este investimento, cofinanciado pola Deputación da Coruña, acometerase a renovación integral dos parques infantís das prazas do Concello, A Milagrosa e Eduardo Pondal.