Aberto ata o 13 de maio o prazo para presentarse ao certame de materiais innovadores de Galicia


As empresas, centros de coñecemento e profesionais da artesanía interesados en presentarse á primeira edición do Certame de Materiais Innovadores de Galicia teñen de prazo ata o próximo 13 maio para formalizar a súa candidatura.

A convocatoria, realizada a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), ten como obxectivo identificar e promocionar os materiais máis innovadores desenvolvidos nos últimos anos en Galicia. O certame, organizado no marco do Programa de Deseño para a Innovación a través da Materioteca de Galicia, inclúe un total de catro categorías.

A primeira delas distinguirá o mellor material obtido de procesos artesanais ou con limitada capacidade de produción. A segunda e a terceira buscan os materiais máis innovadores creados, dunha banda, por empresas e, da outra, por grupos de investigación de universidades, centros de investigación ou centros tecnolóxicos. Por último, destacarase o mellor material desenvolvido por un grupo mixto formado por empresas e centros de coñecemento, ou por unha agrupación de empresas, en calidade de participantes nalgún proxecto financiado con fondos públicos autonómicos, estatais ou europeos.

Os criterios de valoración terán en conta o nivel de madurez tecnolóxica, o recoñecemento do sector, a sustentabilidade, a utilidade e hixiene sanitaria, o grao de innovación e se o material está patentado ou rexistrado.