Aberto o período voluntario de pago de taxas en Carballo

1 minutes read

Durante o estado de alarma decretado para facer fronte á pandemia da COVID-19, e co obxectivo de reducir a presión fiscal sobre a veciñanza, o Concello de Carballo acordou suspender todos os cobros, liquidacións e procedementos executivos de recadación. Sen embargo, para evitar que se concentren todos os recibos nos últimos meses do ano, acordouse o reparto dos períodos de cobranza en diferentes trimestres e facilitar así o pago por parte das familias.

O período voluntario de cobro estará aberto ata o 10 de agosto. Os contribuíntes que non teñan domiciliados os recibos poderán aboalos nas oficinas da Recadación Municipal, sitas na rúa Camiño Novo n.º 7, entreplanta Galerías Comerciais, de luns a venres, de 08.00 a 14.00 horas. Os recibos domiciliados pasaranse ao cobro a partires do 2 de xullo.

Deste xeito, xa están ao cobro os recibos correspondentes ás taxas de lixo _aínda que só na modalidade de vivendas_ e reserva de espazo para estacionamentos e vaos permanentes, así coma ao imposto sobre vehículos de tracción mecánica. Os padróns fiscais xa están aprobados, e a partir da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP) abrirase un período de 1 mes para comprobación dos datos e corrección de posibles erros.