- Tamén se pode solicitar o servizo de madrugadores do próximo curso escolar
A veciñanza da Laracha xa pode inscribirse nos dous servizos de apoio á conciliación da vida persoal, laboral e familiar que se prestan a través do programa Harmoniza. Un deles é a aula lúdica que se poñerá en marcha desde o remate do curso escolar actual ata o comezo do seguinte. Este servizo gratuíto poderán solicitalo aqueles pais de nenos de entre 3 e 12 anos, previa xustificación. Estará en funcionamento de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas nas instalacións do CEIP Otero Pedrayo. O prazo para anotarse rematará o 14 de xuño.
Así mesmo, tamén se pode formalizar ata o 31 de xullo a inscrición en madrugadores para o curso escolar 2021-2022. Grazas a este servizo permítese levar aos alumnos ao seu centro de ensino antes do inicio das clases e, deste xeito, adaptarse ás necesidades dos pais que entran a traballar antes de que comece o horario lectivo.
A documentación para inscribirse pode descargarse na web municipal e deberá presentarse no Centro de Información á Muller (CIM), situado no edificio administrativo da Laracha, ou a través da sede electrónica.
En ambos servizos haberá un protocolo sanitario con motivo da Covid-19.