Despois do obrigado parón por razóns sanitarias, volven o circuíto Coruña Corre e as súas sete carreiras nos barrios de Matogrande, Os Rosales, Novo Mesoiro, Torre de Hércules, San Pedro de Visma, Ventorrillo e Oza.
Co circuíto Coruña Corre, o Goberno municipal de Inés Rey pretende fomentar o deporte coa axuda dos barrios, asociacións veciñais e clubs de atletismo da cidade. Neste sentido, a categoría familiar diferenciou ao Coruña Corre desde o seu nacemento do resto de circuítos que se organizan noutras cidades galegas. Este ano, ademais, determinouse que volvan participar os máis cativos, sen poñer límites de idade para a categoría de Peques, axudando a crear hábitos deportivos entre a xente máis nova da casa, contando sempre coa colaboración dos avós e dos pais.
O Coruña Corre é un programa de sete probas que se celebrarán entre o 23 de xaneiro de 2022 e o 27 de novembro de 2022. A inscripción xa está aberta na web www.corunacorre.com. A maiores, en vindeiras datas presentarase a outra gran novidade desta edición, xa que estará dispoñible para a súa descarga a APP oficial do Coruña Corre.