Aberto o prazo de inscrición para o curso de guías na rede do Parque Nacional das Illas Atlánticas

1 minutes read

O Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia volve a ser un ano máis obxecto dos cursos formativos de guías na rede dos parques nacionais. Así, todas as persoas interesadas en participar nesta actividade formativa poden presentar a súa solicitude ata o vindeiro 16 de maio.

O curso, no que colaborará a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda –a través do Parque Nacional-, terá unha duración de 70 horas e desenvolverase mediante unha plataforma de aprendizaxe en liña. É a primeira fase do mesmo, que se celebrará entre o 21 de xuño e o 6 de agosto de 2021. Tamén se prevé unha parte práctica, presencial e obrigatoria, de 30 horas, que se celebrará nas Illas Atlánticas, a finais de setembro.

Todas as persoas maiores de idade poden inscribirse e participar neste curso, aínda que terán preferencia aquelas que garden relación coa contorna socioeconómica do parque. O obxectivo principal do proxecto é facilitar capacidades aos participantes para poder exercer adecuadamente as funcións de guías de persoas e/ou grupos nos diferentes Parques Nacionais.

Deste xeito, os futuros alumnos recibirán coñecementos sobre as bases conceptuais e teóricas propias da función de guía na rede de Parques Nacionais e para analizar e comprender os principios teóricos da interpretación e a educación ambiental na función do guía ambiental.

O curso divídese en varias unidades didácticas sobre a lexislación básica dos espazos naturais protexidos e dos parques nacionais; o marco europeo Rede Natura 2000; o uso público, o turismo e as accións de voluntariado nestes espazos; a importancia de fomentar e divulgar a educación ambiental e as claves para saber valorar o patrimonio natural; e, por último, información específica sobre os itinerarios guiados.