Aberto o prazo de inscrición para o encontro galego de Ciberseguridade Ciber.gal

O Edificio Fontán da Cidade da Cultura acollerá os vindeiros días 10 e 11 de novembro o primeiro encontro galego de Ciberseguridade Ciber.gal dirixido a empresas, cidadanía e administracións públicas. Durante dúas xornadas e a través de diferentes actividades e relatorios de expertos de referencia nacional e internacional, abordarase a importancia da Ciberseguridade en Galicia así como as medidas necesarias para avanzar neste ámbito.

O encontro divídese en tres bloques. O primeiro deles engloba actividades destinadas ao tecido empresarial, que se desenvolverá ao longo da mañá do día 10 de novembro. Neste espazo celebraranse paneis e charlas nas que se falará sobre as axudas para impulsar a ciberseguridade na empresa, sobre os riscos aos que se enfronta o tecido empresarial, cales son as súas consecuencias e as obrigas legais que lle afectan en materia de ciberseguridade. Expoñeranse proxectos de ciberseguridade como a iniciativa Cybersecurity in a box, promovida polo Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia e o ISMS Forum.

Para o colectivo da cidadanía -que será desenvolvido ao longo da tarde do 10 de novembro- contarase co concurso Ciberseguridade no cole! destinado aos menores organizado por Telefónica, e un Capture The Flag, organizado pola Cátedra R en ciberseguridade e Gradiant. Tamén albergará intervencións da man de Gianluca D´Antonio, Presidente de ISMS Forum, e contará con actividades que falarán sobre a necesidade actual de talento en ciberseguridade e obradoiros que axudarán aos participantes a detectar e identificar ameazas.

No segundo día, destinado principalmente á administración pública, cabe destacar a participación do Centro Criptolóxico Nacional; a intervención do divulgador Marc Vidal, e a celebración dun panel de debate que agrupa aos máximos responsables de organismos e entidades autonómicas con competencias en materia de ciberseguridade: a Axencia de Ciberseguridade de Cataluña, a Axencia Dixital de Andalucía, a Generalitat Valencia e a Amtega.

Neste encontro colaboran, ademais das xa mencionadas Teléfonica, Cátedra R e Gradiant, entidades como APDTIC, Cloud.gal, ABANCA e Deloitte, entre moitas outras.

Lembrar que a inscrición é precisa para asistir a todas as actividades, tanto no formato presencial coma no online. No seguinte enlace pódese proceder coa inscrición completamente gratuíta: https://inscricioncibergal.gaiastech.xunta.gal/gl/index.html

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha