Aberto o prazo de inscrición para o programa Concilia de Carballo

  • O pasado curso participaron no programa 268 nenos
  • O prazo remata o 14 de agosto

Este luns abriuse o prazo para que se matriculen no Programa Concilia do curso escolar 2019-2020 todas as familias que desexen ser usuarias do mesmo. O prazo rematará o 14 de agosto.

Aínda que as incorporacións poden realizarse en calquera momento do ano, en función das necesidades das familias, este período de inscrición resulta imprescindible para a correcta organización do servizo e para poder utilizalo dende o comezo do curso. A partires do 17 de setembro habilitarase outro prazo para as incorporacións que se produzan a partir de outubro.

O ano pasado participaron no programa un total de 268 nenos, repartidos entre os colexios Fogar, Bergantiños e Gándara-Sofán. A implantación do programa está supeditada á existencia dun número mínimo de participantes.

O Programa Concilia é unha medida promovida desde a Concellería de Igualdade e Benestar para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral. Os nenos son recollidos a primeira hora da mañá no seu centro escolar e reciben unha atención especializada ata a hora do comezo das clases, para paliar o desfase entre os horarios laborais e os escolares. Ademais, os rapaces desfrutarán de actividades de ocio e tempo libre, e mesmo poderán dispoñer dun servizo de almorzo opcional.

Durante os períodos vacacionais tamén se ofrece a posibilidade de continuar co servizo para os usuarios fixos. O prazo de matrícula que abre hoxe vai destinado a eses nenos. Ademais, desde hoxe e ata o 14 de agosto poden reservar praza para os primeiros días do mes de setembro, ata o comezo do curso. Neste caso o servizo non se prestará no colexio senón na sede do centro de ocio Xolda (rúa Vila de Noia, 74-76), onde os pais e nais deberán deixar e recoller aos rapaces.

Para máis información poden dirixirse ao Centro de Información á Muller no edificio de Servizos Sociais ou chamando aos números de teléfono 981 700 688 / 981 704 706.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha