- ‘Axúdoche’ vai dirixido a persoas de máis de 55 anos, quen poderán colaborar en diversas actividades axudando a veciños en risco de exclusión.
O Concello da Laracha abre o prazo de inscrición para participar na iniciativa ‘Axúdoche’, un novidoso programa de voluntariado sénior que se organizará por primeira vez na localidade grazas á Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.
O proxecto vai dirixido a persoas maiores de 55 anos de idade ás que se lles ofrece a posibilidade de colaborar como voluntarios en diversas iniciativas en beneficio de diferentes colectivos de poboación vulnerable ou en risco de exclusión. Entre ditas actividades están o acompañamento social e emocional, cooperación en trámites da vida diaria ou respiro familiar.
As persoas interesadas deben inscribirse no departamento de Servizos Sociais (edificio administrativo da Laracha) antes de que finalice o 22 de xullo. Os voluntarios percibirán unha axuda que cubrirá os custos do desprazamento e a manutención, e estarán cubertos polos pertinentes seguros.