Aberto o prazo de preinscrición nas escolas deportivas e culturais de Vimianzo

PIXABAY

  • Rematará o próximo 4 de outubro. As prazas serán limitadas en todas as actividades

Desde este martes, e ata o próximo 4 de outubro, está aberto o prazo de preinscrición nas escolas deportivas e culturais de Vimianzo para este ano. Baixo a denominación de ‘Actívate’, o Concello pon en marcha un programa que inclúe actividades como fútbol, patinaxe artística, tiro con arco, baloncesto, tenis de mesa, pádel, música contemporánea, danza tradicional, palillo ou escola de arte.

O horario para inscribirse será de 9:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas. Debido aos protocolos Covid-19 as prazas serán limitadas en todas as actividades. No caso de superarse as prazas ofertadas, realizarase un sorteo público.

Cada persoa poderá gozar dun máximo de 5 actividades que comezarán o 18 de outubro. Terán preferencia as persoas empadroadas e a matrícula poderá formalizarse desde o luns 11 ao xoves 15 de outubro. As tasas a pagar variarán en función do número de integrantes na familia ou dos empadroamentos.