Aberto o prazo para inscribirse nas Escolas Culturais e Deportivas de Ponteceso


O Concello de Ponteceso abriu este martes o prazo para inscribirse nas Escolas Culturais e Deportivas para este curso 2022/23. As actividades comezarán o 3 de outubro, haberá dúas ubicacións dispoñibles, e a oferta inclúe minibasquet, fútbol sala ou danza, entre outras.

Por unha banda, en Ponteceso impartiranse clases de minibasquet, patinaxe e fútbol sala no pavillón; judo, cerámica, d´arte, teatro e teatro para adultos no Edificio das Escolas e, na biblioteca, daranse as clases de inglés. Destacar que están pendentes de confirmar as sesións de teatro tanto para nenos como para adultos. Tamén están pendentes de confirmar as clases de cociña para nenos e adultos, que serían no local de cociña.

Por outra banda, as actividades para os máis cativos que se van impartir no pavillón de Corme son fútbol sala, judo e patinaxe, mentres que na casa do mar se van dar as sesións d’arte. En caso de que se confirme, no local de cociña de Corme tamén haberá clases de cociña.

O prazo de inscrición pecharase o mércores 29 de setembro ás 14.00h. Poderase solicitar praza a través da sede electrónica do Concello de Ponteceso ou de maneira presencial nos departamentos de Cultura e Deportes e na oficina municipal de Corme en horario de 09.00h a 14.00h.

As prazas son limitadas e cada unha das actividades require dun mínimo de inscritos para poder levalas a cabo. Ademais, as prazas adxudicaranse por sorteo público, tendo preferencia as persoas empadroadas, no salón de plenos o venres 30 de setembro ás 11.00h.

Para máis información poden chamar ao 616 48 55 20, ao 630 907 124 ou ben entrar na páxina web www.ponteceso.gal.