Aberto o prazo para participar en Carballo no XXVII Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís

A Concellaría de Cultura ten aberto ata o 9 de abril o prazo para participar na XXVII edición do Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís, unha cita que cada ano, desde hai xa 28, ten o obxectivo de contribuír á creación artística e a fomentar a divulgación da fotografía. A denominación de Xosé Manuel Eirís para este concurso provén do recoñecemento que o Concello de Carballo e as entidades culturais do municipio queren render a unha persoa vinculada ao mundo cultural e artístico de Galicia, que foi animador cultural de Carballo.

O concurso reparte un total de 3.050 euros en premios:

  • 1º premio: 1.500 € e diploma.
  • 2º premio: 750 € e diploma, patrocinado pola Fundación Luis Calvo Sanz.
  • Premio Especial Carballo á mellor fotografía que faga referencia directa ao municipio de Carballo en calquera dos seus aspectos: 500 € e diploma (as obras presentadas ao Premio Especial Carballo tamén optarán ao resto de premios), patrocinado por Interfilm Carballo.
  • O xurado poderá conceder accésits por un importe total de 300€.

Algúns dos aspectos máis salientables das bases son os seguintes:

  • Cada autor ou autora poderá presentar un número máximo de tres obras.
  • As fotografías realizaranse en branco e negro ou cor, natural ou manipulada, e o tema das obras é libre.
  • Os traballos fotográficos que se presenten ao certame deberán ser orixinais e recentes. As fotografías non poderán ter sido presentadas con anterioridade a este concurso nin ter gañado ningún premio noutros concursos ou certames, nin ter sido empregadas con finalidade comercial, nin publicitaria, nin cedidas para uso público.
  • As dimensións da obra fotográfica estarán comprendidas entre 25 x 35 cm como mínimo e 40 x 50 cm como máximo. Presentaranse montadas sobre cartón pluma ou soporte similar ríxido (cun grosor mínimo de 3 mm).
  • Cada fotografía deberá vir acompañada do soporte informático en formato JPEG ou TIFF da obra presentada.

Related posts

O BNG de Corcubión discrepa coas declaracións destos últimos días dos partidos da oposición

Novos programas de participación social na Costa da Morte, da man de Íntegro

Vieiro continúa reforzando o seu compromiso coa prevención a través do programa ‘Odisea’