Aberto o prazo para participar na 2ª edición do Carballo Coworking

2 minutes read
  • 18 persoas emprendedoras ou empresas de nova creación de toda a Costa da Morte poderán utilizar de balde este espazo colaborativo

A Concellaría de Promoción Económica do Concello de Carballo abre o prazo para participar nunha nova edición do Carballo Coworking, un espazo de traballo colaborativo dirixido a persoas emprendedoras e empresas de nova creación da Costa da Morte. Por segundo ano consecutivo achegaranse as ferramentas necesarias para impulsar a creación, posta en marcha e consolidación de iniciativas empresariais vinculadas, preferentemente, ao ámbito da cultura, as novas tecnoloxías, a rexeneración urbana, o benestar e os servizos ás persoas, o sector audiovisual, o turismo ou a investigación e a economía social.

Todas as persoas cunha idea de negocio e/ou empresas de menos de dous anos de antigüidade que estean interesadas en acceder a un dos 18 postos de traballo habilitados neste espazo, situado no 2º andar da nave 1 do Fórum Carballo, poderán presentar a súa solicitude a través da sede electrónica do Concello de Carballo.

Ademais de dispoñer dun local totalmente de balde para traballar, os usuarios poderán beneficiarse dunha serie de servizos e infraestruturas que contribuirán a mellorar as súas posibilidades de éxito como a disposición dun auditorio con capacidade para 100 persoas, unha aula de formación ou acceso a medios audiovisuais e Internet.

Éxito de participación na primeira edición

Pese aos paróns provocados pola pandemia, a primeira edición do Carballo Coworking resultou un éxito de participación con 13 iniciativas empresariais en marcha e 17 usuarios en activo procedentes de municipios como Camariñas, Muxía, Zas, Ponteceso e, na súa maior parte, Carballo. Desenvolvéronse ideas e proxectos sobre economía social, artesanía ou téxtil xunto a empresas de nova creación nas que traballaban autónomos e profesionais independentes do ámbito cultural, a fotografía ou o deseño.

Máis información chamando ao 881 983 520 ou contactando con coordinación@coworkingcarballo.gal.