- As celebracións desenvolveranse do 21 ao 26 de xuño
Carballo xa quenta motores para retomar, tras dous anos de pandemia, as grandes festas do San Xoán que este ano se celebrarán do 21 ao 26 de xuño. Do programa non se avanzou nada, pero desde a concellaría de Cultura publicaron as bases da convocatoria do concurso do cartel que anunciará as festas organizadas pola Comisión de Festas de San Xoán.
No concurso poderán participar todas aquelas persoas que o desexen sempre e cando teñan máis de 18 anos e non gañaran nas últimas dúas edicións. Só se poderá presentar unha obra por autor, de técnica libre, inédita e co seguinte lema: SAN XOÁN 2022, do 21 ao 26 de xuño. CARBALLO.
O cartel deberá realizarse en formato vertical cun tamaño comprendido entre 40 e 55 cm de base e 55 e 75 cm de altura. Non deberá figurar o nome do autor, senón o pseudónimo, que irá escrito pola parte de atrás da obra así coma nun sobre pechado que conterá os datos persoais do creador. O gañador ou gañadora levará un premio de 450 euros, patrocinado por Opticalia Enríquez.
Os traballos deberán presentarse na concellaría de Cultura, persoalmente ou por correo certificado, entre o 8 de abril e o 9 de maio. No exterior do sobre que conteña o cartel deberá constar a seguinte información: CONCURSO DO CARTEL DAS FESTAS DE SAN XOÁN 2022, Concellaría da Cultura, Pazo da Cultura, Rúa do Pan, s/n 15100 Carballo (A Coruña).
O xurado estará constituído por un mínimo de catro membros da Comisión de Festas e un representante do Concello de Carballo, podendo reservarse o dereito de declarar deserto o concurso.