Aberto o prazo para participar nos postos de venda do Mercado de Nadal

Imagen del Mercado en Carreira do Conce_Concello

  • Este ano celebrarase do 3 de decembro ao 5 de xaneiro na rúa Carreira do Conde, e en Área Central a partir do 26 do mesmo mes

O Departamento de Comercio abriu esta fin de semana o prazo para solicitar a participación no Mercado de Nadal santiagués, que se celebrará do 3 de decembro ao 5 de xaneiro na rúa da Carreira do Conde e, como xa se fixo o ano pasado, do 26 de decembro ao 5 de xaneiro tamén en Área Central.

Este ano mantense a ubicación en Área Central así como a prioridade absoluta para os produtos de alimentación e decoración propios do Nadal nas tres primeiras quendas (do 3 ao 23 de decembro), que terán unha duración de sete días cada unha, mentres que as dúas últimas quendas manteranse durante cinco.

O Mercado de Nadal contará con 30 postos de venda: 15 estarán instalados en casetas montadas especificamente para esta finalidade na rúa Carreira do Conde e a maiores habilitaranse outros 15 en Área Central con mesas e mobiliario no interior.

O horario do evento será de 12:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:30 horas todos os días excepto o 31 de decembro, que só abrirá pola mañá. Os días 24 e 25 de decembro e 1 de xaneiro o Mercado permanecerá pechado.

A convocatoria está dirixida a artesáns, produtores e comerciantes con capacidade para exhibir e vender produtos, creacións ou elaboracións de Nadal. O prazo para inscribirse rematará o día 8 de novembro ás 23:30 horas sendo obrigatorio cumprimentar a solicitude de participación na web municipal.