- Haberá varios grupos e tamén estará dispoñible unha modalidade online
O Concello de Camariñas abre este martes o período de preinscrición para acudir de xeito presencial á “Actividade física saudable”, unha iniciativa que se dividirá en dous bloques de idade: de 18 a 60 anos e para maiores de 60 anos. As actividades desenvolveranse cun protocolo de seguridade e en grupos de catro persoas. Este programa está previsto que se poida realizar nas parroquias de Camariñas, Camelle, A Ponte do Porto e Xaviña.
O prazo para anotarse rematará o 15 de marzo, e para inscribirse a persoa poderá chamar ao 665 134 152 ou enviar un correo electrónico a deportes@camarinas.net indicando o nome e apelidos, a data de nacemento, a parroquia e a preferencia de quenda (mañá ou tarde).
Ademais, tamén hai unha modalidade online destas actividades físicas que se repartirán en 3 bloques: pilates (para todos os participantes), relaxgym (indicada para maiores de 60 anos) e acondicionamento físico (cun punto de intensidade máis elevado).