A Consellería de Política Social abre unha nova convocatoria dos premios Talento Mozo para recoñecer traxectorias excelentes e proxectos impulsados pola xente nova. Con este certame procúrase dar visibilidade ao enxeño e capacidades da mocidade galega en cinco modalidades: Ciencia, Rural, Deporte, Empresa e Cultura e creación.
Esta é a segunda edición destes galardóns, nos que a Xunta de Galicia premiará as mellores candidaturas cunha dotación económica de 5.000 euros por categoría. O prazo de presentación de solicitudes xa está aberto e pechará o día 30 de abril.
Tal e como sinala a convocatoria publicada no Diario Oficial de Galicia, os requisitos son: ter entre 18 e 35 anos, estar domiciliado en Galicia e contar cunha traxectoria relevante na modalidade do premio ao que se concorra. Unha mesma persoa non poderá presentarse como candidata a máis dun epígrafe do premio e os gañadores de edicións anteriores non poderán presentarse en ningunha das modalidades existentes.
