Aberto o prazo para presentar webseries ao 7º Carballo Interplay

1 minutes read

A sétima edición do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, que se celebrará os días 1, 2, 3 e 4 de abril de 2020, abre a inscrición para que todas aquelas persoas que o desexen presenten as súas webseries ou proxectos de webserie á súa sección oficial, que repartirá máis de 7.000 euros en premios. Poden facelo dende hoxe mesmo e ata o 16 de febreiro de xeito gratuíto a través da web carballointerplay.com ou a través da plataforma online filmfreeway.

A novidade destacada desta sétima edición do Carballo Interplay, organizado pola Concellaría de Promoción Económica, é o salto cualitativo que dá o premio a proxecto de webserie en galego, que duplica a súa dotación económica e destinará 3.000 euros á produción de tres vídeos da serie do proxecto premiado. A data límite para persentarse é o 15 de marzo de 2020 e os proxectos deben ser creacións audiovisuais propias e orixinais, pensadas para seren publicadas e difundidas a través de internet e mediante capítulos, episodios ou partes (como mínimo tres), pero poden ser de imaxe real, animación, stop motion ou técnica combinada.

O Carballo Interplay, na pasada edición converteu Carballo na capital da cultura dixital global, xa é todo un referente que cada ano recibe para a súa sección oficial máis de 200 webseries de todo o mundo.