Aberto o prazo para solicitar as bolsas de estudos do Concello da Laracha

1 minutes read
  • En total destínanse 75.000 euros dos fondos municipais

Xa está aberto o prazo para solicitar as axudas de dous programas para estudantes convocados polo Concello da Laracha. En total destinaranse 75.000 euros, que serán financiados con fondos municipais.

A primeira convocatoria de axudas, dotada con 55.000 euros, está pensada para financiar a adquisición do material escolar e didáctico complementario para o curso 2021-2022. As contías das subvencións serán de 125 euros para os estudantes de educación infantil, 100 euros para os de educación primaria e secundaria, 180 euros para os estudantes de bacharelato e ciclos formativos de grao medio e superior e 300 euros tanto para os que cursen estudos universitarios de grao medio ou superior como para aqueles alumnos que requiran de necesidades educativas especiais.

Por outra banda, e por segundo ano consecutivo, tamén se poñen en marcha axudas co obxecto de subvencionar a adquisición de material informático ao longo do 2021. O Concello destina 20.000 euros a este programa, pensado especificamente para o alumnado que comprase ou vaia comprar antes de final de ano un ordenador persoal, tableta, impresora ou libro electrónico para a súa actividade educativa. Neste caso, a contía das axudas será de 200 euros e non poderán solicitalas as familias que xa se beneficiaran delas o curso anterior.

Poderán participar nestes programas de axudas todos os estudantes que estean empadroados no Concello da Laracha desde antes do 1 de setembro de 2020. O prazo para a presentación de solicitudes é de un mes para as axudas á escolarización e de vinte días naturais para as relativas ao material informático. Os impresos poden descargarse na web municipal para presentalo a través da sede electrónica ou acudindo presencialmente ao Concello.