As persoas interesadas poden presentar as solicitudes para actuacións de rehabilitación e de renovación de vivendas na área de Rehabilitación comprendida entre o centro histórico e a súa zona de protección, barrio da Ribeira, barrio histórico da Nosa Señora do Camiño e barrio histórico da Condomiña-A Magdalena. Trátase de axudas en execución do Acordo da Comisión Bilateral asinado o 29 de outubro de 2020 entre o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbano, o Instituto Galego de Vivenda e Solo da Xunta de Galicia e o Concello de Betanzos, relativo á Área de Rexeneración e Renovación Urbana Conxunto Histórico de Betanzos e a súa zona de protección, Fase 12.ª (A Coruña) Comunidade Autónoma de Galicia. Plan Estatal de Vivenda 2018-2021, anualidade 2020.
Esta convocatoria ten por obxecto a rehabilitación de edificios e vivendas, así como a renovación de inmobles. Dentro da rehabilitación os traballos subvencionables son o mantemento e intervención nas vivendas unifamiliares e nos edificios, e no interior das vivendas, instalacións fixas, equipamento propio e elementos comúns, co fin de adecualos aos estándares previstos pola normativa vixente; as actuacións que fomenten a mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade en vivendas e a conservación e a accesibilidade en vivendas. A persoa interesada deberá presentar unha solicitude, acompañada da documentación que se especifica, preferentemente no Rexistro do Concello.