Por unha banda, aínda se poden solicitar as axudas, que cun investimento de 4,3 millóns de euros de orzamento, están dirixidas a fomentar o emprendemento e o emprego na economía social, impulsar o autoemprego neste ámbito e fixar man de obra produtiva no territorio.
O programa conta con dúas liñas compatibles entre si: unha primeira con axudas directas a cooperativas e sociedades laborais para que incorporen, sobre todo, persoas desempregadas; e unha segunda, para beneficiar a quen entre como socia ou cun contrato indefinido a unha destas entidades ou ben inicie a súa actividade por conta propia. Mediante esta liña prevese beneficiar 136 entidades e incorporar 283 persoas socias.
En segundo lugar, tamén permanece aberta a convocatoria -dotada con 2.730.000 euros- para apoiar a consolidación das entidades da economía social e reforzar a súa presencia no tecido económico de Galicia.
As axudas prestarán atención especial á transformación dixital e á sustentabilidade, con achegas máximas por entidade que poden acadar os 30.000 euros para, entre outras actuacións, financiar investimentos -realizados entre o 1 de novembro de 2022 e o 31 de outubro de 2023- en equipamento informático, desenvolvemento de software, plans de protección de datos, eficiencia enerxética ou de márketing ou imaxe corporativa. E, como novidade este ano, inclúense entre os conceptos susceptibles de financiamento os elementos de transporte e a formación para os socios afiliados ao réxime de traballo autónomo (RETA).
Por último, o Goberno autonómico destina 2.370.000 euros á creación de cooperativas e sociedades laborais a partir de empresas sen remuda xeracional, da unión de persoas traballadoras autónomas, da transformación de calquera tipo de sociedade ou tras a adquisición da entidade por parte das persoas traballadoras da mesma.