Ata o día 30 de setembro as persoas interesadas en optar a unha das bolsas de estudos municipais convocadas deben presentar as súas instancias debidamente cubertas e coa documentación requirida. O modelo de solicitude pode recollerse no propio Concello ou descargarse da web municipal (www.alaracha.gal, apartado de ‘avisos’). Unha vez rematado o prazo, a Comisión de Valoración analizará todas as solicitudes presentadas atendendo a criterios educativos e económicos, beneficiando principalmente ás familias con menos recursos económicos. Poden participar no procedemento todos os estudantes empadroados no municipio, desde alumnos de educación infantil ata universitarios. O goberno municipal da Laracha decidiu incrementar neste curso a achega económica para esta convocatoria e a contía das bolsas de estudos municipais para os beneficiarios consciente das dificultades económicas que supón para moitas familias o inicio do curso dos alumnos, e co propósito esencial de facilitar o proceso de formación dos veciños como o elemento fundamental para o seu desenvolvemento persoal.